ORDE do 1 de decembro de 2017 pola que se autoriza á Fundación Galicia Europa para conceder subvencións e se aproban as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación práctica dirixidas a persoas tituladas superiores universitarias e en formación profesional en asuntos relacionados coa Unión Europea (DOG. Núm. 244 do 27/12/2017).


Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza


Obxecto, finalidade e duración: Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a concesión de seis bolsas de formación práctica, cinco dirixidas a persoas licenciadas ou posuidoras de grao universitario e unha dirixida a persoas técnicas superiores de formación profesional en Secretariado ou Asistencia á Dirección, para a realización de prácticas en asuntos europeos nas oficinas da Fundación Galicia Europa en Santiago de Compostela e en Bruxelas durante o ano 2018. As bolsas distribuiranse da seguinte maneira:


1. Catro (4) bolsas estarán destinadas a persoas tituladas universitarias para a formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas, así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos, nas que se valorarán preferentemente as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas, Relacións Internacionais e Ciencias Económicas. Destas catro bolsas, dúas estarán destinadas na oficina da FGE de Bruxelas e outras dúas na de Santiago de Compostela.


2. Unha (1) bolsa estará destinada a persoas tituladas universitarias para a formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da presenza de Galicia nos organismos europeos, con destino na oficina de Bruxelas. As persoas candidatas a esta bolsa deberán estar en posesión do grao ou licenciatura en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.


3. Unha (1) bolsa estará destinada a persoas técnicas superiores de formación profesional para a realización de prácticas con destino na oficina de Bruxelas que deberán estar en posesión da titulación de técnica/o superior en Secretariado ou en Asistencia á Dirección. O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2018 cunha duración máxima de 11 meses, contados desde a data da incorporación das persoas bolseiras.


Persoas beneficiarias


1. Ter nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
2. Ser natural de Galicia, ou ser fillo/filla de galegos ou acreditar residencia en Galicia desde antes do 1 de xaneiro de 2015.
3. Estar en posesión dalgún dos seguintes títulos, todos eles obtidos con posterioridade ao 31 de decembro de 2010:
a) Para as bolsas de formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas, así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos: título universitario superior (licenciatura ou grao).
b) Para a bolsa de formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da presenza de Galicia nos organismos europeos: grao ou licenciatura en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.
c) Para a bolsa dirixida a titulados de formación profesional: título de técnica/o superior en Secretariado ou técnica/o superior en Asistencia á Dirección.
4. Non ter gozado anteriormente doutra bolsa da FGE en convocatorias anteriores (excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da lista de reserva e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a catro meses).
5. Posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que se deriven do obxecto desta bolsa.


Prazo de presentación: prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Arriba