Os alcaldes 

José Moscoso Salazar

Primeiro alcalde de Boqueixón en 1839. Natural de Codeso e de ascendencia nobre, morreu en 1841 aos 66 anos.

José Joaquín Illobre dos Santos

Natural de Noenlle (Sergude), onde naceu en 1784. Foi alcalde en 1840, aínda na fase de formación do concello. A corporación nesta época estaba integrada por dous representantes de cada parroquia elixidos entre os máximos contribuíntes.

Manuel Ballesteros Vaamonde

Natural de Ardesende (Codeso). Pertenceu a unha das familias máis poderosas do Concello no século XIX.
En 1841 foi nomeado alcalde despois de que o xeneral Espartero se fixera coa rexencia. Esta etapa durou ata 1842.
No 1854 volveu á máxima representación municipal ao volver ao poder Espartero. Permaneceu na alcaldía ata que un novo golpe de estado expulsou aos progresistas do poder.

Bernardo de la Peña de Castro

Natural de Regueiro, onde naceu en 1790. Finou en 1853 na cidade da Coruña ocupando o posto de Conselleiro da Deputación provincial.
En dúas etapas ocupou a alcaldía: entre 1842 e 1844, abandonando o poder coa chegada ao goberno do conservador Narvaez. En 1850 recupera a alcaldía ata a súa morte.

Manuel Mareque Garís

Natural de Reboredo (A Granxa). Iniciou unha longa etapa de dominio do Concello por parte da súa familia. Foi alcalde ata en tres ocasións: de 1844 a 1845, de 1853 a 1854 e de 1856 a 1864.

Manuel Couto Maceira

Natural de Ardesende (Codeso). Finou en 1884 aos 73 anos de idade.
Foi alcalde entre 1864 e 1868, ata que a súa corporación desapareceu polo novo réxime que instala a revolución coñecida como a Gloriosa.

José de la Torre González

Natural de Codeso, onde finou en 1906 aos 85 anos. Ocupará ao longo do século XIX importantes cargos locais.
Foi alcalde en dúas ocasións: a finais de 1868, premanecendo no cargo durante o penas uns meses en 1876.

Andrés Mouriño Castro

Natural de Deseiro (Sergude), morreu en 1907 aos 88 anos de idade. Foi alcalde tras a caída de 1ª República, entre 1874 e 1875.
En 1883 será nomeado de novo alcalde ata a súa morte. Durante esta longa etapa tomaranse importantes decisións como o traslado da Casa do Concello de Lamas ata a súa sede en Casanova (Boqueixón). A finais de século, como consecuencia dos fortes substitucións con motivo da Guerra de Cuba, prodúcense multitude de casos de fugas de quintos.

Antonio Ballesteros Gil

Natural de Ardesende (Codeso). Finou en 1885 aos 68 anos de idade.
Fillo de Manuel Ballestros Vaamonde, desempeñou varios cargos ata que en 1875 ocupou a alcaldía por pouco tempo. Celebrou as xuntanzas na súa residencia de Codeso.

Manuel Vilas Ínsua

Natural de Prevediños (Touro) e con residencia en Lamas. Importante personaxe do século XIX, que se beneficiou da venda de bens da Igrexa durante as desamortizacións.
Alcalde de Boqueixón de 1877 ata a súa morte en 1882. A forte oposición que atopou nos arredores do concello levouno a reunir a corporación na súa casa de Lamas.

Miguel Millán Couto

Veciño da Igrexa (Boqueixón) emparentado coas familias dominantes do concello. Alcalde de 1908 a 1912 ano no que falece. Neste período destacan os fortes substitucións de quintos que impón o Goberno debido á guerra que leva a cabo en Africa.

Rafael Pérez Boo

Finou en 1923 en Sucira, onde nacera había 83 anos. Foi alcalde de forma provisional entre 1812 e 1813, á morte de Miguel Millán.

Manuel Cereixo Lareo

Natural da Igrexa (Boqueixón). Alcalde de 1914 a 1923, cando foi deposto polo gobernador ao triunfar o golpe de estado de Primo de Rivera.
Momento de máximo control por parte da familia Mareque de todos os postos administrativos.

Daniel Romay Pérez

Natural de Codeso e descendente do ex alcalde Manuel Moscoso. Ocupou a alcaldía en dúas pequenas etapas de 1923 a 1924, presidindo a corporación imposta polo delegado gobernativo resultante da ditadura de Primo de Rivera.
Nesta etapa prodúcese o traslado do cuartel da Garda Civil de Ponte Ulla a Lestedo.
En 1930 recupera a alcaldía trala caída da dictadura pero falece en xullo dese ano.

Francisco Sinde Sinde

Natural de Ramil (Lestedo) finou en 1937 aos 78 anos. Alcalde de 1924 a 1930 no que o Delegado de Goberno preside unha sesión da nova corporación.

Ramón Maceira Cristobo

Naceu en 1898 na aldea de León (Oural) e finou en 1966 na súa residencia de Santaia (Codeso). Nomeado en 1930 á morte de Daniel Romayi, permanecerá no cargo ata febreiro de 1936.

José Couto Iglesias

Natural de Orto (Boqueixón) naceu en 1896 e finou en 1986. Elixido alcalde en febreiro de 1936 permanece no cargo ata ser deposto en xullo, tras triunfar en Galicia o golpe de estado.

Domingo García Cao

Natural e residente na Picota (Lestedo). Faleceu en1957 aos 56 anos en accidente de avión en Barajas (Madrid). En xullo de 1936 reúnese unha nova corporación nomeada polo gobernador militar en sesión presidida polo comandante da Garda Civil. Desta sesión saíu elixido. As decisións máis importantes veñen impostas polo Gobernador da provincia e a Garda Civil.
O 15 de setembro a Casa Consistorial trasládase a Lestedo. Dende ese momento serán numerosas as disensións entre os concelleiros ao redor da capitalidade do Concello.

Antonio Orza Couto

Naceu en 1908 en Casaldesuso e finou na súa residencia de Ardesende (Codeso) en 1980.
En 1942 foi elixido alcalde polo gobernador. Na primeira sesión traslada a capitalidade de Lestedo a Ardesende (Codeso).
No seu longo período (29 anos) destaca a construción dun novo edificio para a Garda Civil de Lestedo. En 1950 decide trasladar a capitalidade ao Forte, inagurándose a nova casa do Concello e a oficina do Xulgado en 1953. En 1967 presenta o proxecto do colexio do Forte, que se inagurou en 1971.

José Ramón Corujo Quián

Natural de Ames, onde naceu en 1931, é médico de profesión. Ten a súa residencia en Ponte Ledesma.
Presidíi a corporación de 1971 a 1979. Goberna nunha etapa de transición onde as decisión son tomadas sempre por unaminidade. As decisións máis importantes xiran arredor do apoio ás concentracións parcelarias e á mellora das comunicacións.

Luis Bragaña Neira

Natural e veciño da Corna (Pousada), onde naceu en 1927.
Primeiro alcalde democrático, toma posesión en 1979, abandonando o cargo en 1983.
En 1981 comeza as obras de acondicionamento da Casa do Concello, que presentaba un aspecto lamentable. Ademais, as principais preocupacións desta etapa foron as comunicacións e os centros deportivos e escolares.

Secundino Torres Vázquez

Natural de Xiadás (Gastrar) e con residencia en Rodiño Grande. Naceu en 1930.
Alcalde de 1983 ata 1991. Este período caracterízase por un forte dinamismo municipal, con fortes investimentos en comunicacións, co acondicionamento e asfaltado de pistas, costrución de servizos municipais como o polideportivo ou o centro de saúde. Ademais procédese á instalación do alumeado público en todas as aldeas.

 

Os políticos

Xosé Antonio Orza Fernández

Estudiu Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, á que se vinculou posteriormente como docente, xa que entre 1967 e 1969 foi profesor axudante de clases prácticas na Cátedra de Economía e Facenda da Facultade de Dereito. Xosé Antonio Orza viviu en Madrid, Zamora, Bilbao e A Coruña debido ao seu traballo como funcionario do Corpo Superior de Inspectores de Finanzas do Estado, onde se encontra en excedencia voluntaria. A súa presenza en cargos públicos remóntase a 1982, cando accede ao cargo de director xeral de Tributos e Política Financeira na Consellería de Economía e Facenda, cargo de que cesou en 1985. En 1990 foi nomeado conselleiro de Economía e Facenda da Xunta, carteira que ocupou ata 2005. Dende 1997 ata a actualidade tamén é deputado polo PP no Parlamento de Galicia.

 

Os artistas

Gregorio Ferro

No mundo das artes Boqueixón ten o privilexio de contar cunha figura de primeira magnitude, aínda que non é suficientemente recoñecida. Este fillo tan ilustre do noso concello naceu na parroquia de Santa María de Lamas o día 24 de decembro de 1742, no seo dunha familia da fidalguía local.
Os seus apacibles primeiros anos de vida vense truncados en 1750 coa morte da súa nai e o novo casamento do seu pai. Quizais esta circunstancia fixo que se traslade a Santiago, ingresando, en calidade de servinte ou “rapaz de sacristía”, no mosteiro de San Martín Pinario, onde terá os seus primeiros contactos coa pintura.
Axudado economicamente por un sacerdote vinculado á familia, inscríbese na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en 1759, tendo como profesores ao escultor, tamén galego, Felipe de Castro, e ao pintor napolitano Corrado Guianquinto.
Abandona estas ensinanzas para axudar a Antonio Rafael Mengs na decoración do Palacio Real de Madrid ata 1769. Este autor, principal representante do gusto Neoclásico, terá unha influencia decisiva no noso artista.
En 1775 Gregorio Ferro contrae matrimonio con María Benita de Castro Quintela, moi probablemente familia do escultor Felipe de Castro. O matrimonio non terá descendencia polo pronto enviuvamento do noso protagonista.
A estancia, ao longo de boa parte da súa vida, na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando estará acompañada por importantes premios e méritos, chegando incluso a enfrontarse e triunfar sobre un dos máis grandes pintores de tódolos tempos, Francisco de Goya, no acceso a un dos cargos máis apetecibles do panorama artístico español, o de Director Xeral da Academia en 1804.

Non obstante, o que nunca conseguíu alcanzar Ferro, a pesar dos múltiples esforzos realizados, será o título de pintor de Cámara.

En 1812 morre Gregorio Ferro no seu domicilio madrileño, de morte repentina, como se deduce da súa partida de defunción.

Extinguíase así unha das liñas máis diretas do gran teorizador neoclásico Mengs, e unha das figuras do que algúns chaman “clasicismo rococó” polo carácter mixto do seu estilo, cunha vacilación entre racionalismo e sensualismo, formalismo e espontaniedade.

 

Os escritores

Anxo A. Rei Ballesteros

Escritor, nacido en Codeso (Boqueixón) o 24 de xaneiro de 1952 , finou o 29 de outubro de 2008. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, a súa traxectoria literaria comeza nos anos mozos colaborando coa revista “Bonaval”. A súa primeira novela “Dos anxos e dos mortos” foi publicada pola editorial Castrelos en 1977, e nese mesmo ano recibe o Pedrón de Ouro polo seu relato “Querido Brais”. Coa súa segunda novela “Loaira” acadou o premio Losada Diéguez no ano 1993 e continuaría con “Non sei cando nos veremos” (2005), onde pon en cuestión as normas sociais e as formas de vida asumidas pola maioría.

Tamén autor de teatro, a súa obra “Xogos de damas” estreouse en 1987 polo grupo Malbarate, e en 1991 dirixiu a versión de “A voz humana” de Jean Cocteau. Preocupado pola filosofía, publicou ensaios en revistas e catálogos de artistas entre eles “Tempo e vinganza”, premiado co Ramón Piñeiro. A maiores realizou a tradución de grandes obras de autores do século XX como “Molloy” de Samuel Beckett.

Deixounos dúas obras póstumas “A noite do moucho” publicada pola Editorial Galaxia no ano 2009 e “Presenza dunha ausencia” en 2013.

Un autor difícil de sistematizar, no persoal e no literario. Se ben, entre as voces do gremio, falan del coma do escritor máis dotado da súa época.

Arriba